O edificio que alberga o Museo Provincial do Mar naceu para ser escola de San Cibrao no ano 1931, por desexo de D. José Mª Montenegro e Dna. Manuela Goñi Maíste, matrimonio emigrante na Arxentina.
Partindo da colección de pezas recollidas polo mestre D. Francisco Rivera Casás e os seus alumnos, a Deputación de Lugo acorda crear un museo dedicado ao mundo mariño en 1969. Estivo xestionado pola Asociación de Veciños “Cruz da Venta” dende 1994 ata 2004, momento no que a Deputación Provincial, por medio do Museo Provincial de Lugo, tomou o relevo na dirección.
O Museo Provincial do Mar, primeiro museo do mar de Galicia de carácter público, está conectado coa identidade mariñeira da súa xente, polo que recolle a historia de pescadores e pescantinas, navegantes e cazadores de baleas, redeiras e carpinteiros de ribeira. Trátase dun museo que fala da vida da poboación costeira e da tremenda e fráxil biodiversidade do medio marítimo.