Fonte cuberta en louza inglesa, de Davenport, branca, de forma cadrilonga con asa na tapadeira en forma de cogollo de flor. Reverso da fonte con dous números que poden indicar datación 4 e 9: 1849?
Cadro, retrato Exvoto que representa ao Señor de Navea, axeonllado, con librea granate e perruca (Francisco Quiroga Losada) ante a Virxe das Ermitas coa inscrición: " Don Frco Joseph Quiroga y Losada Hijo el Señor de Nabea se ofreció a esta Soberana Señora en una gravísima enfermedad en que hubo quatro …"
Esencieiro ou pequeno perfumador en cristal de roca tallado, de corpo rectangular coas súas aristas cortadas en chafrán. A face principal vai decorada cun cartucho cóncavo, rectagular cos lados menores pechados en triángulo, esmaltado en vermello, e dous discos, tamén cóncavos, esmaltados en verde, nos extremos. Conserva o tapón, de corpo troncocónico invertido e facetado. Quizais formou parte dos dixes dunha leotina o, mellor, dun "cinto de infante" ou "relicario lactante"
Frasco mini de perfume en cristal de roca tallado. Tapón en folladelata con baño prateado. O corpo ten forma de xarrón gallonado rematado por un copete en palmeta, de gusto art déco. Recorda aos producidos por Avon a comezos do XX.
Frasco de toucador de corpo cilíndrico tallado con motivos xeométricos e vexetais. A tapa, metálica, en bronce, vai toda repuxada agás na parte central, que é convexa, semellando un espello, percorrido no seu marco con motivos acantiformes.
Frasco perfumador en cristal, reminiscente do estilo Imperio, organizado en cinco botes encaixados, coma un quebracabezas, nun plan cadrangular. O bote central é de planta cadrada. Preséntase arrodeado por catro frascos trapezoidais de esquinas recurvadas. Todos eles cinguidos por unha estrutura de metal, un soporte que consiste en dúas bandas ou frisos con decoración repuxada de puntas de folla de acanto, unidas en cada cara por dous grifóns de rabo acantiforme flanqueando unha representación dun terme coa deusa Lilit: unha figura feminina, de ás despregadas, sobre estípite. Salientan os tapóns dos frascos. O central leva unha tapa circular de folla de lata moldurada cun cerco superior con decoración incisa, e un pomo en forma de landra. Os recipientes trapezoidais levan anel de folladelata, embelecedor da boca, cun tapón prismático facetado.
Furna en madeira policromada en tons granates e parte frontal de cristal soprado. No seu interior contén unha imaxe do Neno Xesús, feito en cera, adornado con froitos e flores en cera e papel. Dispón dun mecanismo que fai que abra e peche os ollos.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Tomás López Enguídanos (1775-1814) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Trátase dun retrato ecuestre de Manuel Godoy. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado a cor que representa a un xinete montando a cabalo. Marco en madeira. É un augaforte de Blas Ametller (1768-1841) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814), quizais retrato de Antonio Pascual de Borbón, aínda que no catálogo da Calcografía figura como retrato de Carlos IV. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitacion ou l'art de l'Equitacion reduit en principes, Paris, 1769.Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gorra de prato, militar, propiedade de Miguel Ángel Quesada (marido de Mª Paz Taboada), feita en tea de pano de cor verde musgo, con tres estrelas de oito puntas cada unha, correspondentes ao rango de coronel, e aguia coroada coas ás estendidas e a cruz de Santiago no medio. O interior con suadoiro de coiro e etiqueta do fabricante. Elaborada pola xastrería "Hijo de Jesús Martínez".
Carta Xeométrica de Galicia de Domingo Fontán Rodríguez. Primeira edición de 1845. Este traballo foi a aportación máis importante da ciencia cartográfica española da primeira metade do século XIX. Inda que os mapas se terminaron no 1834, a súa gravación demorouse até os anos 1839-1845 por mor da falta de gravadores peritos. Marco con orla e rotulación de graos e cada 10´con subdivisións de 1´. Debuxados os meridiáns e paralelos formando cadrícula. Meridiano orixe do Observatorio de San Fernando. No ángulo superior esquerdo, título, dedicatoria, escala, autor, gravador e data de edición. No ángulo inferior esquerdo, os signos convencionais e as escalas gráficas en leguas de vinte mil pés e millas de sesenta ao grao. Relevo representado por normais, cotas altimétricas medidas en varas castelás e puntos da rede xeodésica. Planimetría con cidades representadas por pequenos círculos segundo importancia, e con hexágonos as capitais, rede de comunicacións e división político-administrativa. A hidrografía representa a rede principal, con denominación dos ríos máis importantes. A costa aparece realzada con escollos, escarpados e praias con punteado. Abundante toponimia. Rotulación en letra romanilla e itálica para o resto.
Litografía dun orixinal de Théophile Alexandre Steinlen (1859-1923) titulado "Le Bouclier", con ata tres versións e do que se tiraran cen estampas. Representa o ataque de soldados alemáns, un deles a cabalo, a civís (nenos, vellos e mulleres) na Primeira Guerra Mundial. Pertenceu á serie que sobre os desastres da Gran Guerra fixera o artista tras acudir ás mesmas trincheiras, en primeira liña.
Guía histórica, artística, arqueolóxica e militar da antiga capital de Galicia, Santiago de Compostela. Litografía impresa por José M. Paredes, gravada por Enrique Mayer Castro. Marco en madeira orixinal (dous listóns superior e inferior). Comprende a améndoa histórica e arredores e inclúe texto aclaratorio por Bernardo Barreiro de Vázquez Varela (sinatura abaixo á esquerda) co nome de rúas, barrios e referencias numéricas.
Litografía dunha paisaxe a partir dun orixinal ao óleo sobre lenzo atribuído a Murillo nos catálogos do Prado (ata 1912), hoxe imputábel (a partir do catálogo que sobre o autor fixera Diego Angulo) a un dos seus discípulos. Formaba parte da "Colección litográfica de cuadros del rey de España el señor don Fernando VII" dirixida por José Madrazo e editada polo Real Establecimiento Litográfico, en Madrid. Téñense noticia dunhas 30 estampas soltas, inda que habería máis, que reproducían pinturas do entón Real Museo. Desta estampa consérvanse moi poucos exemplares. A do Prado non está exposta. Vai asinada por Pic de Leopold, de nome Andreas (1789-1860), pintor e litógrafo natural de Leópolis, na Ucrania.
Augaforte orixinal de Manuel Castro Gil, asinado polo gravador a lápis e dedicado a "Miguel Ángel Quesada e distinguida esposa". Representa a Praza da Leña de Pontevedra, nunha disposición cravada ao lenzo do pintor José Seijo Rubio sobre a mesma praza, conservado noBelas Artes da Coruña.
Real Picadero, en orixe, augaforte segundo deseño de Antonio Carnicero, levada a cabo por Manuel Salvador Carmona. Inaugura a serie de 13 gravados calcográficos destinados a ilustrar a tradución por Cerdá, xamais publicada, da obra de Dupaty de Clam, "Pratique de l'Equitacion ou l'art de l'Equitacion reduit en principes", Paris, 1769. O prelo valenciano Durá tirou a serie en versión litográfica, esta pintada (pois era a portada) mediado o século XX. Precisamente, a colección de 9 estampas que temos en Tor pertencería á serie completa de 13 desa imprenta.
Gravado que representa a un xinete montando a cabalo. Marco de madeira. Augaforte de Juan Moreno de Tejada (1739-1805) sobre debuxo orixinal de Antonio Carnicero (1748-1814). Trátase dun retrato ecuestre de Carlos IV. Formaba parte dunha serie destinada a ilustrar a tradución de Cerdá da obra de Dupaty de Clam, Practique de l'Equitation ou l'art de l'Equitation reduit en principes, Paris, 1769. Reimpresión da casa de Litografía fundada por Simeón Durà, Valencia.
Gravado de William Henry Mote (1803-1871) sobre debuxo orixinal de J.H. Hayter (1800-1891), retrato de estética romántica de Caroline Jeanetta Capel, Condesa de Essex. Marco en madeira. O gravado foi publicado orixinalmente por Illustrated News of the World en 1825.
Gravado de William Henry Mote (1803-1871) segundo un debuxo orixinal de J.H. Hayter (1800-1891) que representa a Lady Louisa Craven, ou "Rubí do Norte", chamada así nas crónicas sociais da época, presentada de tres cuartos e cun libreto de ópera, ao parecer, nun palco, e cun abano pechado, en pousado artificioso de acordo coa estética romántica. Marco en madeira.
Gravado de William Egleton a partir dun debuxo orixinal de John Hayter, retrato de pose artificiosa, arquetípica dos retratos oficiais dos primeiros anos da época vitoriana, de Elizabeth Catherine Gubbins, vizcondesa de Falkland e duquesa de Saint Albans. Precisamente, a muller vai acompañada con tres falcóns como atributo iconográfico do seu título. Perfil da contorna no seu orixinal octogonal. Marco en madeira.